Convivencia - Noticias

O Fogar súmase aos V Encontros de Centros para unha Convivencia Positiva

No seu segundo ano de funcionamento, o Servizo de Mediación Escolar do Fogar Santa Margarita participa no V Encontro de Centros para unha Convivencia Positiva "Adolescencia en rede e cultura da paz", celebrado os días 2 e 3 de xuño no IES Carlos Casares en Viana do Bolo.

Quince centros educativos de Galicia compartiron experiencias, emocións e ideas e recibiron información sobre proxectos, iniciativas e maneiras de mellorar a convivencia nas aulas.

Profesorado, familia e alumnado gozaron dun produtivo programa da man, entre outros, de Víctor Martín ("Convivencia e felicidade"), Sergio González ("Mediación escolar no ámbito do postconflito colombiano") e Juan de Vicente ("Aprender transformando o contorno"). Tamén debateron no Espazo Aberto temas relacionados co uso do móbil na aula, o acoso escolar e ciberacoso, a mediación, etc.

Así mesmo, os mozos e mozas foron rotando por diversos talleres dirixidos por Aixa Permuy, Carme Loureiro e Gingko, nos que ademais de aprender moito, demostraron as súas habilidades como mediadores e mediadoras. Un encontro salpicado polo agarimo, compañeirismo, felicidade e bo humor de todas as persoas alí presentes.

Desde o Fogar queremos darvos as grazas polo trato recibido e pola gran experiencia vivida. Vémonos en outra!