Biblioteca

          Ligazóns

          Recursos

          Imaxes

 

 

Instalacións

A biblioteca conta cun encargado a tempo completo (con formación específica en Animación á Lectura e en organización de bibliotecas escolares), co que pode ofrecer atención ao alumnado en horario escolar e extraescolar. Cada grupo de Infantil e Primaria conta cunha Hora de Biblioteca á semana, mais os alumnos poden acudir á sala cando o precisen. Os estudantes de ESO, FP e Bacharelato tamén poden vir á biblioteca en calquera momento.

Ademais, a biblioteca dispón de diferentes espazos, como unha zona para os máis pequenos, na que estes poden desfrutar dos libros tranquilamente na alfombra, e que tamén se emprega a diario para actividades de animación lectora, como contacontos ou representacións de obras de teatro. Tamén existe unha ampla zona de mesas, na que o alumnado pode realizar traballos, estudar ou investigar, todo isto co apoio dos ordenadores cos que conta a sala.

Actividades

- Contacontos: é a actividade por excelencia da biblioteca do Fogar. Cada día levamos a cabo contacontos cos que presentamos unha gran variedade de historias ao alumnado. A maioría destas sesións son desenvolvidas polos propios alumnos, que logo de preparar a obra escollida, realizan o contacontos diante dos seus compañeiros.

- Representacións teatrais: é unha das actividades que levamos a cabo cada semana, pois día a día vemos como o teatro axuda aos alumnos a desenvolver a súa creatividade, a perder o medo a actuar fronte a un público, a aumentar a confianza en si mesmos, a ser solidarios no traballo grupal, a reforzar a súa empatía... 

-Club de banda deseñada: no curso 2018-2019 botamos a andar este proxecto, destinado a achegar o mundo do cómic aos estudantes de Secundaria, FP e Bacharelato. O proxecto pretende dar a coñecer aos estudantes obras e autores fundamentais deste xénero, prestando especial atención á banda deseñada creada por autores galegos. Outro dos principais obxectivos que perseguimos é dotar á muller da presenza que merece neste eido, poñendo en valor a obra de diferentes creadoras. Así, cada trimestre levaremos a cabo un encontro na biblioteca cunha autora de banda deseñada, cuxas obras traballaremos previamente.

-Radio Fogar: no curso 2018-2019 inauguramos Radio Fogar, un proxecto co que, desde o Plan Lector, pretendemos aproveitar todas as posibilidades que ofrece este medio de comunicación de cara á formación do alumnado en alfabetizacións múltiples, ao mesmo tempo que tratamos de consolidar a biblioteca como un espazo creativo de aprendizaxe.

-Maletas científicas: proxecto dirixido ao alumnado de 5º de Primaria, que busca fomentar entre os estudantes a lectura de libros sobre ciencia e espertar neles a curiosidade polo mundo científico en xeral. Así, prepáranse varias maletas compostas por libros relacionados coa ciencia, que os estudantes deste curso levan para as súas casas en préstamo.

-Maletas viaxeiras: actividade na cal maletas cheas de libros viaxan até as casas dos alumnos destes cursos.

-Concurso de creación literaria: cada curso convocamos un certame de creación literaria (de contos de medo, de relato fantástico, de poesía...) dirixido a todo o alumnado.

- Conmemoración de Días Mundiais e InternacionaisDía Escolar da Non Violencia e a Paz, Día Mundial da Poesía, Día Mundial do Medio Ambiente, Día Mundial contra o Traballo Infantil, Día Internacional de Nelson Mandela... Cremos que hai determinadas datas e conmemoracións que deben ser traballadas, pois nos levarán á reflexión, ao debate, ao diálogo e, en definitiva, a converternos en persoas sensibles co mundo que nos rodea. Por esta razón, cada curso celebramos días concretos mediante o desenvolvemento de actividades, como exposicións, elaboración de murais, traballos de investigación, contacontos, representacións teatrais, encontros con membros de diferentes asociacións, debates...

- Visitas de familiares: abrirvos o Centro a vós, as familias, é unha das prioridades do Plan Lector, pois cremos que é esencial que as dúas institucións fundamentais na educación de todo neno, a familia e a escola, vaiamos da man. Por iso, para coñecervos e para que nos coñezades, e porque sabemos que tedes moito que achegar, nais, pais, avós, avoas, etc., desde o curso 2015/16 tedes a oportunidade de visitar a biblioteca para desenvolver sesións de contacontos, talleres relacionados con algunha das vosas afeccións ou co voso oficio... 

- Encontros con escritores, ilustradores, músicos...: achegar a arte aos nenos e ás nenas pasa, tamén, por achegalos aos artistas, polo que cada curso invitamos ao Centro a creadores de diferentes ámbitos, para que manteñan encontros cos nosos estudantes. Nos últimos tempos, téñennos visitado escritores como Xoán González, Núñez Singala, Andrea Maceiras ou Xoán Babarro, e músicos como Mero, Mini ou Raúl Galego.

- Axudantes de bibliotecaconsideramos que unha biblioteca escolar a crean os propios alumnos, razón pola que desde hai varios cursos as nenas e os nenos do Fogar participan activamente na xestión e organización da biblioteca. Entre as diferentes tarefas nas que colaboran, podemos destacar: a catalogación e o etiquetado de obras, o préstamo de libros aos compañeiros, a decoración da biblioteca en datas sinaladas (Samaín, Nadal, Entroido...)...

O que se pretende é que a biblioteca continue a ser un fervedoiro cultural multidisciplinar, no que os alumnos poidan desenvolver todas as súas potencialidades no tocante á creatividade, á expresión oral, á expresión escrita, á busca de información, ao emprego das TIC, etc., marcándonos como un dos obxectivos fundamentais a formación en valores.

GuardarGuardar

GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar