Dificultades da linguaxe oral

Programa de Estimulación da Linguaxe Oral en Educación Infantil

Un bo desenvolvemento lingüístico contribúe a unha interacción social máis eficaz, así como tamén a unha maior comprensión da contorna que nos rodea.

Por este motivo, e cun carácter fundamentalmente preventivo, desde o Fogar de Santa Margarita puxemos en marcha un Programa de estimulación da linguaxe oral, dirixido a todo o alumnado de segundo ciclo de EI, que ten como obxectivo fundamental favorecer o desenvolvemento da linguaxe e a comunicación dunha forma lúdica e estimulante, á vez que se preveñen posibles alteracións de tipo lingüístico.

As especialistas en Audición e Linguaxe son as encargadas de levar a cabo as diversas actividades que compoñen o programa, sempre en colaboración coas titoras e coordinado co proxecto de aula.

Os obxectivos que pretendemos acadar coa posta en marcha deste programa son os seguintes:

  • Favorecer a comprensión e expresión oral.
  • Potenciar a adquisición de vocabulario, relacionado cos temas que traballan na aula ordinaria.
  • Desenvolver a atención, a percepción, a memoria e a discriminación auditiva de sons do ambiente, corpo, etc.
  • Desenvolver e potenciar os movementos dos órganos bucofonatorios, a través de exercicios de praxias, sopro, respiración, etc.
  • Previr  posibles alteracións da linguaxe de maneira precoz, traballando os mecanismos básicos da linguaxe.
  • Discriminar os fonemas que se traballan en cada unha das etapas, tanto a nivel auditivo como visual, de forma illada, en sílabas e en palabras. 
  • Traballar a conciencia fonológica e iniciarse no manexo  de letras, sílabas, palabras e frases.

As actividades realizadas co alumnado permite ás especialistas AL e titoras maiores oportunidades para a detección de posibles dificultades a nivel auditivo, de pronunciación, comprensión, etc. e por tanto unha derivación temperá deste alumnado ao DO e/ou outro tipo de servizos externos.