Incorporación tardía ao Sistema Educativo

Quen é considerado alumnado procedente do estranxeiro e/ou de incorporación tardía ao sistema educativo?

Considerase alumnado procedente do estranxeiro e/ou de incorporación tardía ao sistema educativo aquel que provén doutro país ou comunidade, ou que por calquera outro motivo se escolariza tardiamente no Sistema Educativo, e que require unha atención diferente á ordinaria para poder acadar as competencias propias do seu grupo de referencia. Este alumnado será escolarizado no momento en que chegue á comunidade, sen ter que esperar ao inicio de curso.

Que características adoita presentar este tipo de alumnado?

Aínda que se trate dun colectivo heteroxéneo en canto a procedencia, podemos mencionar algunhas características comúns:

  • Descoñecemento das linguas oficias da nosa comunidade, galego e/ou castelán.
  • Desfase curricular dun mínimo de dous cursos con respecto o seu grupo de referencia.
  • Dificultades graves de adaptación ao contexto escolar causadas por diferenzas sociais e culturais. En ocasións, é frecuente o absentismo escolar entre este alumnado. Normalmente é un absentismo intermitente debido á eventualidade das estancias.

A presenza deste alumnado nas nosas aulas proporciona oportunidades únicas para coñecer diferentes culturas, ampliar coñecementos xeográficos e históricos, adquirir valores de tolerancia e respecto e aprender a convivir en armonía nunha sociedade plural.

Como se enfoca a intervención desde o Centro?

En primeiro lugar debemos ter en conta que o alumnado que chega ao Centro debe enfrontarse a unha nova situación, nun entorno moi diferente ao seu, do que pode descoñecer a lingua, os compañeiros/as, as normas, etc. Todo isto implica un impacto psicolóxico no alumno/a, polo que é imprescindible asignar un compañeiro/a ao que acudir, así como un adulto de referencia.

Será imprescindible tamén determinar cal é o seu nivel de competencia lingüística e curricular para establecer as medidas curriculares e organizativas máis axeitadas que nos permitan ofrecer unha resposta axeitada ás súas necesidades educativas e faciliten a integración escolar.