TEA/TXD

Que é o TXD/TEA?

As siglas TXD corresponden a Trastorno Xeneralizado do Desenvolvemento e TEA a Trastorno do Espectro Autista. Ambos engloban unha serie de trastornos con ampla variedade na súa sintomatoloxía, alteracións cognitivas e neuroconductuais, e abarcan unha gran diversidade na presentación, radicando as diferencias no grao de alteración ou severidade dos síntomas.

Que características presenta este alumnado?

Seguindo os manuais de referencia DSM-V e CIE-10, as características máis destacadas son as seguintes:

  • Alteracións cualitativas e persistentes na comunicación, como retraso na adquisición e desenvolvemento da linguaxe oral, dificultades para iniciar ou manter unha conversa, ausencia de xogo imitativo, etc.
  •  Dificultades na interacción social como ausencia de contacto ocular, inexpresividade facial, problemas posturais,...
  • Comportamentos, intereses ou actividades moi restritivos e/ou repetitivos.

A que idade pódese detectar?

Os síntomas do TXD están xa presentes nas primeiras idades, aínda que poden non manifestarse totalmente ou estar enmascarados por estratexias aprendidas ao longo da vida.

Cales son as causas do TXD?

Polo momento non se coñecen causas concretas para este trastorno, polo que non hai probas neurolóxicas que o detecten ou trazos físicos que a definan.  O diagnóstico baséase principalmente na observación e realización de probas que recollen cuestións de competencia e intencionalidade comunicativa, pensamento flexible e literalidade, así como en observacións desde unha idade temperá do desenvolvemento do neno ou nena.

Que é a Síndrome de Asperger?

A Síndrome de Asperger está englobada dentro dos trastornos xeneralizados do desenvolvemento. As persoas afectadas soen presentar unha intelixencia normal ou mesmo superior á media. Presentan un estilo cognitivo particular e, frecuentemente, habilidades especiais en áreas restrinxidas.

A comunicación vese afectada, pero non coa severidade que se observa noutros casos de TXD. A súa comprensión é moi literal, polo que non entenden chistes, dobres sentidos, xogos de palabras, refráns,... e deben aprender que significan para podelos comprender. As persoas con Asperger presentan ademáis dificultades para entender determinados comportamentos sociais (facer algo “por compromiso” aínda que non me apeteza, non ser sincero por non ferir á outra persoa).

A capacidade de empatía vese limitada e adoitan ter unha gama limitada de intereses, pero xeralmente presentan un dominio dos mesmos que se pode confundir cunha alta capacidade intelectual (dinosauros, mundo mariño, o espazo, os transportes...)

Con frecuencia presentan comportamentos repetitivos ou ritualizados dos que lles custa desprenderse, pois a ruptura de rutinas suponlles un incremento excesivo de tensión.

Cómo se enfoca a intervención desde o Centro?

Pese a que a atención ao alumnado é sempre individualizada e adaptada ás características e necesidades de cada un deles, podemos sinalar as seguintes liñas xerais de intervención:

  • En canto á linguaxe, as frases deben ser curtas, sinxelas e precisas, evitando os dobres sentidos.
  • Asegurarse de que entenden as instrucións e tarefas a realizar, concretando e adaptándoas a cada caso particular.
  • Evitar situacións imprevistas e anticipar os cambios na medida do posible, facilitándolle estratexias para xestionar a ansiedade neses momentos.
  • Establecer rutinas de traballo diario.
  • En canto á interacción social, ensinar estratexias de comunicación efectiva.
  • Etc.