A finalidade da Educación Primaria Obrigatoria (EPO) é facilitarlles aos alumnos e ás alumnas as aprendizaxes da expresión e da comprensión oral, a lectura, a escritura, o cálculo, a adquisición de nocións básicas da cultura, os hábitos de convivencia, de estudo e de traballo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade, co fin de garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade e de preparalos/as para cursar con aproveitamento a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
A acción educativa nesta etapa procurará a integración das experiencias e aprendizaxes do alumnado e adaptarase aos seus ritmos de traballo.
A etapa de Educación Primaria forma parte do ensino básico e, polo tanto, ten carácter obrigatorio e gratuíto.
A etapa de Educación Primaria comprende seis cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os seis e os doce anos de idade, e organízase en áreas, que terán un carácter global e integrador.