Convivencia
No Fogar de Santa Margarida, entendemos a convivencia como un dos piares fundamentais que sustentan o obxectivo xeral da educación: o desenvolvemento integral do noso alumnado. Non é de estrañar que a nosa contorna inflúa no noso estado de ánimo e, á súa vez, na nosa motivación para afrontar os desafíos da vida cotiá. Centrar os nosos esforzos en mirar máis alá dos resultados académicos, da aparición de posibles conflitos e da metodoloxía de ensino, para comprender e mellorar día a día, equivale a cultivar as relacións entre todos os membros da comunidade educativa. Neste sentido, seguimos a Ortega et al. (1998) ao recoñecer que non só estamos a falar do alumnado, senón tamén do profesorado e das familias, así como da comunidade na que vivimos e os seus recursos.
A escola promove a convivencia pacífica onde o compañeirismo, a confianza, o respecto e a igualdade son selos distintivos interiorizados para mellorar a calidade da educación. O noso traballo baséase neste principio, esforzándonos por transmitir estes e outros valores tan esenciais para acadar unha vida académica e social plena.
