Principal - Noticias

Presentación de "Gramática Xeroglífica"

O vindeiro xoves, 7 de abril, ás 12:30, terá lugar no CPR Fogar de Santa Margarida a presentación do libro Gramática Xeroglífica de Carlos L. Medrano. No acto participarán, Valentín García Gómez secretario xeral de Política Lingüística, Raúl Díaz Carballeira director pedagóxico do Fogar de Santa Margarida e o propio autor, que é tamén docente no mesmo centro.

Gramática Xeroglífica é un proxecto didáctico baseado na utilización do pasatempo dos xeróglifos como ferramenta alternativa na aprendizaxe da Lingua Galega. A partir dun fondo de máis de 12.000 xeróglifos, elaborouse unha escolma organizada que permite  traballar, de forma sinxela, diferentes ámbitos lingüísticos (gramática, léxico...). O volume convértese así nun útil instrumento co que xerar dinámicas lúdicas e motivadoras.

Por outra parte, máis alá do valor do libro para a didáctica da lingua, os seus recursos permiten realizar unha saudable «ximnasia mental»: potencian habilidades cognitivas como a capacidade de reflexión, a atención, a creatividade, a memoria, o pensamento crítico...

Estrutura:

  • Introdución (orixe e fundamentación do proxecto)
  • Gramática do xeróglifo (pautas fundamentais do funcionamento do pasatempo)
  • Do xeróglifo á gramática (selección organizada de xeróglifos co obxectivo de traballar contidos gramaticais)
  • Do xeróglifo ao léxico (selección organizada de xeróglifos co obxectivo de traballar contidos léxicos)
  • Propostas didácticas (descrición de diferentes propostas didácticas para a súa aplicación nas aulas)
  • Solucionario (respostas detalladas a todos os pasatempos da obra).

Carlos Luís Medrano Martínez (Portonovo, 1966) é diplomado en Maxisterio e licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. Durante máis de 15 anos traballou no eido editorial e desde 2012 exerce como docente no CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña. As súas publicacións xiran arredor da didáctica da lingua e da ludolingüística: 50 xogos de lingua. Té́cnicas de comunicación oral e escrita (Xerais, 1994), Outros 50 xogos de lingua. Técnicas de comunicación oral e escrita (Xerais, 1998), Esfinxe. Relatos de pensamento creativo (TresCtres, 2009), Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo (TresCtres, 2012). Entre 2012 e 2018 sacou adiante, como proxecto persoal, o blog dedicado á ludolingüística xogosdelingua.blogspot.com. Desde 1988 é colaborador na prensa con pasatempos en galego (xeróglifos, encrucillados, autodefinidos…).