Historia do colexio

O Fogar de Santa Margarida é un colexio privado concertado que pertence á Fundación do mesmo nome e que opta pola inclusión social e a renovación permanente tratando de ofrecer o mellor servizo ao alumnado e ás familias.

O colexio Fogar de Santa Margarida nace ao amparo da Fundación Fogar de Santa Margarida que dá os seus primeiros pasos no ano 1927 cando as irmás Suárez Frige e un grupo de colaboradoras se xuntan para atender a catequese da ermida de Santa Margarida.

Anos despois incorpórase Don José Sardina para mellorar a atención ás necesidades básicas dos habitantes da zona que van en aumento, e entre elas está o labor docente, que nun primeiro momento se realiza de maneira esporádica, pero a partir de 1944 xa é de forma continuada coa posta en marcha de oito unidades.

No ano 1970, e cunha xenerosidade non suficientemente recoñecida, o Fogar pon todo o seu empeño na escolarización da zona, de maneira que en pouco tempo pasou de 240 a  máis de 1.000 alumnos.

Así o Fogar de Santa Margarida chega ata os nosos días tendo como MISIÓN promover a educación "integral" do alumnado desde unha perspectiva "cristiá", respectando, dentro desta perspectiva, todas as ideoloxías e crenzas, e intentando darlle aos discentes informacións obxectivas para que progresivamente formen os seus criterios e, analizando a realidade, poidan tomar decisións responsables.